29 sept 2010

Visita ao Banco do Tempo de Allariz


O pasado día 8 de setembro acudimos a Allariz a coñecer o seu Banco do Tempo, esperiencia piloto no 2007, e que se ben alí se xestiona dende unha asociación comparte trazos comúns coas experiencias municipais como é o noso caso. Dentro da etapa de formación do Banco do Tempo, fundamental para o posterior desenvolvemento do servizo, consideramos fundamentais as visitas a outros Bancos do Tempo de referencia e ademais de Allariz, viaxamos a coñecer o Banco do Tempo do Concello de Xinzo de Limia e o de Valadares (Vigo) entroutros.

28 sept 2010

O Banco do Tempo do Concello de Ourense asistiu á "I Xornada dos Bancos do Tempo de Galicia"



Desde a Concellaría de Igualdade do Concello de Ourense ratificamos o noso compromiso coa posta en marcha do Banco Municipal do Tempo asistindo o seu coordinador e a técnica de igualdade á "I Xornada dos Bancos do Tempo de Galicia" celebrada o pasado 25 de setembro en Valadares (Vigo).

13 sept 2010

"I Xornada dos Bancos do Tempo de Galicia"

 

O Banco do Tempo do Centro Veciñal e Cultural de Valadares (Vigo) organiza para o sábado 25 de Setembro do 2010 a "I Xornada dos Bancos do Tempo de Galicia".

 
PROGRAMA:


25 de setembro do 2010. Horario: 10:00 – 19:30h.

09:30 – 10:00h. ENTREGA DA DOCUMENTACIÓN.

10:00 – 10:30h. APERTURA DO ACTO:
Presidente do CVC de Valadares; D. Gregorio Álvarez.
Representantes de distintas Administracións e Entidades.

10:30 – 11:30h. ADMINISTRACIÓN PÚBLICA E OS BANCOS DO TEMPO EN GALICIA:
Consellería de Traballo e Benestar.
Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo.
Concellería de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá. Concello de Vigo.

11:30 – 12:45h. CONSOLIDACIÓN DOS BANCOS DE TEMPO EN CATALUÑA E PORTUGAL:
Banco do Tempo de Barcelona. Josefina Altés. Coordinadora dos Bancos de Tempo da Associació Salut i Família. Barcelona.
Banco do Tempo de Portugal. Associaçao Graal. Como funciona o Banco Central de Portugal. Funcionamento en rede.

12:45h – 14:00h. DIFERENTES XESTIÓNS DOS BdT EN GALICIA:
Relatorio Banco do Tempo de Allariz: xestión do BdT dende o asociacionismo. LHOSCA ARIAS.
Relatorio Banco do Tempo de Lalín: funcionamento dun BdT municipal. SILVIA SANJURJO.
Relatorio Banco do Tempo de Salceda de Caselas: funcionamento do seu Banco do Tempo. MÓNICA VIZCAYA (Concellería de Benestar Social, Igualdade e Consumo). NATIVIDADE CHICOTE DE MIGUEL (Coordinadora do BdT).
Relatorio Banco do Tempo de Vilagarcía: o Banco do Tempo dende unha agrupación. DOLORES CARBALLO (presidenta e coordinadora).
Relatorio Banco do Tempo de Valadares: o Banco do Tempo dende un colectivo veciñal. TERE RAMILO (Coordinadora do BdT do CVC de Valadares).

As poñencias serán moderadas por D. TEODORO PIÑEIRO.

14:30h. COMIDA DE TRABALLO (2h).
Presentacións individuais das persoas asistentes, coa finalidade de que interrelacionen entre si.

16:30h. INICIATIVAS INNOVADORAS:
Banco do Tempo de Portugal.
Banco do Tempo de Valadares: Troco.
Banco do Tempo de Vedra: Gravación de curtos sobre Bancos do Tempo. Camiño Xacobeo con Barcelona.

16:30h. XORNADA TÉCNICA CON MESAS REDONDAS:
Diferentes grupos de debate simultáneos coa intención de tratar as problemáticas máis habituais coas que nos atopamos día a día nos BdT:
  • Situación actual dos Bancos do Tempo en Galicia.
  • Problemática coa entrega de cheques por parte dos e das usuarias.
  • Fidelización dos e das usuarias.
  • En qué derivaron os Bancos do Tempo: Necesidades da poboación. Medida conciliadora: realidade ou non?
Analizará ditas conclusións Josefina Altés.

19:30h. CLAUSURA.

10 sept 2010

BANCO DO TEMPO DO CONCELLO DE OURENSE

¿QUE É O BANCO DO TEMPO?
É un novo recurso da Concellaría de Igualdade que permite intercambiar de xeito gratuito tarefas con outras persoas do noso concello, utilizando como moeda simbólica o tempo. Baséase na axuda mutua veciñal e parte do respecto interpersoal, garantindo a confidencialidade das persoas que interveñen no mesmo.

A Lei 2/2007, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, incorpóraos ao ámbito público e político integrando deste xeito un sistema de intercambio de labores comunitarios relacionados coa conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

¿QUÉN PODE PARTICIPAR?
Todas as persoas do noso concello -mulleres e homes- que sexan maiores de idade e estean interesadas en intercambiar con outras o seu tempo dispoñible realizando tarefas puntuais sen percibir remuneración económica algunha, é dicir, non son traballos profesionais nin de economía sumerxida. Para formalizar a adhesión ao Banco do Tempo é preciso inscribirse nas dependencias da Concellaría de Igualdade.

¿QUÉ SERVIZOS SE PODEN TROCAR?
De maneira puntual e non profesional pódense intercambiar:
  • Tarefas relacionadas co manexo das novas tecnoloxías.
  • Axuda coas actividades escolares e/ou formativas.
  • Realización de labores domésticos e de reparacións ou amaños sinxelos no fogar.
  • Axuda en xestións de índole administrativa.
  • Acompañamento en actividades relacionadas co lecer, ocio e tempo libre (rutas de sendeirismo, culturais, deporte, teatro, etc.).
  • Labores de coidado e compaña.
  • Acompañamento en xestións relacionadas con diversos servizos (farmacéuticos, sanitarios, sociais, bancarios, fiscais, veciñais, etc.).

¿CÓMO FUNCIONA?
É importante estar en disposición non só de recibir senón tamén de dar, pois o Banco configúrase como un sistema de intercambio de tempo entre persoas e/ou grupos a través de actividades, experiencias, coñecementos, habilidades, etc.

A unidade dese intercambio é a hora, independentemente do servizo ou actividade a ofrecer ou demandar. Todas as actividades posúen o mesmo valor, que vén dado en función do tempo invertido en levalas a cabo.

Cada persoa que participa no Banco do Tempo disporá dun talonario de tempo que empregará no momento de facer o "pago en horas" polos servizos que lle foron prestados. Do mesmo xeito, cando esta persoa vaia facer un servizo a outra asociada, recibirá un cheque polo valor do tempo que empregou no seu intercambio.



¿QUE SE PROCURA?
Como obxectivo xeral:
  • Conciliar a vida persoal, familiar e laboral da poboación, promovendo a igualdade entre mulleres e homes do noso Concello.
Como obxectivos específicos:
  • Impulsar e fornecer as redes sociais, fomentando os valores de reciprocidade, solidariedade e cooperación.
  • Mellorar a calidade de vida e impulsar a participación de todos os sectores da poboación na dinámica do tempo da cidade.
  • Reducir a corrente individualista da nosa sociedade e promover actitudes que favorezan a integración e a conciencia colectiva.

PRINCIPIOS BÁSICOS:
Paridade entre as persoas: as tarefas diacronicamente subestimadas como as do eido doméstico e o coidado das persoas, posúen o mesmo valor que as mellor valoradas socialmente.

Igualdade: procura integrar a aqueles sectores de poboación que posúan dificultades de inclusión social.

Reciprocidade: promoven entre a cidadanía os valores non só de recibir, senón tamén de dar de xeito gratificante e auténtico.

Interculturalidade: promove o coñecemento e enriquecemento mutuo de diversos grupos étnicos e/ou culturais.

Responsabilidade: o Banco do Tempo desempeñará un papel de mediador entre as partes que intercambien os servizos, que asumen plenamente a responsabilidade das mesmas.
¿INTERÉSACHE PARTICIPAR?
Contacta con nós a través das seguintes vías: